O primeiro edil quixo trasladar o seu agradecemento á Autoridade Portuaria da Coruña pola súa implicación no proxecto, particularmente, ao seu presidente, Martín Fernández Prado, e a todo o persoal técnico da entidade «pola súa disposición, colaboración e o interese demostrado para facer realidade unha actuación moi demandada pola veciñanza». Do mesmo xeito, recoñeceu o compromiso da Asociación de Veciños Eduardo Pondal de Corme e do presidente da entidade, Antón Vidal Saleta, destacando que «quedou demostrado que a colaboración entre as administracións e o tecido asociativo é clave para facer realidade proxectos que repercuten directamente no benestar da cidadanía».
A actuación desenvolveuse baixo unha premisa clara: o respecto pola contorna natural. Con ese obxectivo, executouse a mellora estrutural da baliza e acondicionouse todo o espazo que a rodea para facelo máis accesible e seguro, mantendo intactos os seus valores ambientais e paisaxísticos. Os traballos permitiron crear novos accesos peonís, habilitar varios miradoiros, acondicionar unha área de aparcadoiro para visitantes e crear a nova Zona Percebeiro, un espazo para favorecer o desfrute dunha das paisaxes máis singulares da provincia. Ademais, levouse a cabo o traslado da estatua do percebeiro, «un elemento de enorme valor simbólico que reforza a identidade mariñeira de Corme e a súa estreita vinculación co mar», sinalou José Manuel Mato.
A intervención representa un novo avance na estratexia do equipo de goberno para impulsar a conservación do patrimonio e potenciar o atractivo turístico do municipio. Esta non será a única actuación que se desenvolverá neste espazo, senón que haberá unha segunda fase para seguir avanzando na posta en valor dunha contorna que atrae, ano tras ano, a miles de visitantes.
